banner

Descrición dos contaminantes

A atmósfera está formada por unha complexa mestura de compoñentes cuias proporcións son constantes (caso de nitróxeno, osíxeno e gases nobres) e variables (dióxido de carbono e a maioría de contaminantes). É nestes últimos onde as variacións nas súas concentracións poden dar lugar a fenómenos de contaminación.

A Directiva 96/62/CE do Consello, de 27 de setembro de 1996, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente define contaminante como "calquera sustancia introducida directa ou indirectamente polo home no aire ambiente que poda ter efectos nocivos sobre a saúde humana ou o medio ambiente no seu conxunto".

Se clasifican os tipos de contaminantes atendendo a distintos criterios (natureza, orixe, etc.). Atendendo á súa natureza, se clasifican os contaminantes en tres grupos: biolóxicos, substancias químicas e formas de enerxía.

Entre os axentes biolóxicos susceptibles de causar efectos daniños están algunhas bacterias, virus, insectos, pole, etc.

Á súa vez, os contaminantes químicos se clasifican atendendo ao seu proceso de formación, distinguindo entre:

  • Contaminantes primarios: Substancias vertidas directamente á atmosfera dende fontes puntuais (ex.: chemineas), fontes móbiles (ex.: tráfico) ou fontes superficiais (ex.: os incendios forestais, por exemplo).

    Entre eles se mencionan o dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), amoníaco (NH3), metano (CH4), monóxido e dióxido de carbono CO e CO2), fluoruro de hidróxeno (HF), partículas en suspensión, etc.

  • Contaminantes secundarios: Substancias non vertidas directamente á atmosfera dende focos emisores. Fórmanse como consecuencia das reaccións químicas e fotoquímicas que sofren os contaminantes primarios entre eles mesmos ou cos compoñentes habituais da atmosfera.

    Entre eles se citan a modo de exemplo o trióxido de xofre (SO3), ácido sulfúrico (H2SO4), ácido nítrico (HNO3), ozono (O3), ...

Os contaminantes químicos máis habituais son os que se describen deseguido.

Dióxido de Xofre (SO2)

Gas incoloro non inflamable. Presenta un cheiro forte e irritante a altas concentracións (máis de 3 ppm).

A súa vida media na atmósfera estimase en días; é considerado un dos principais responsables do fenómeno da chuvia ácida. Orixínase na combustión de carburantes cun certo contido en xofre (carbón, fuel, gasóleos,...) en centrais térmicas, procesos industriais, tráfico de vehículos pesados, calefaccións de carbón e fuel, etc.

Tamén existen fontes naturais deste contaminante como as erupcións volcánicas.

Concentracións altas deste contaminante afecta ó aparato respiratorio, agrava enfermidades respiratorias e cardiovasculares, e provoca irritación nos ollos.

Outros efectos son a deposición húmida ou seca dos compostos ácidos que orixina sobre a cuberta vexetal e solo, así como sobre materiais de construcción (mármore, pedra calcárea,...).

Sulfuro de Hidróxeno (SH2)

A altas concentracións é un gas tóxico de cheiro característico e desagradable.

Prodúcese de xeito natural pola putrefacción da materia orgánica en condicións anaeróbicas (no fondo de lagoas, balsas,..).

Con respecto ás súas orixes antropoxénicas, forma parte usualmente das emisións á atmósfera das industrias papeleiras e das refinerías.

Na atmósfera ten un tempo de vida corto pois transformase en SO2 polo que xeralmente os seus efectos soen limitarse ás zonas próximas ó foco emisor.

Óxidos de Nitróxeno (NOx)

Coñécense varios óxidos de nitróxeno, pero soamente teñen interese como contaminantes o óxido nítrico (NO) e o dióxido de nitróxeno (NO2) representados ambos como NOx; O resto atópase en equilibrio cos dous anteriores a unhas concentracións moi baixas.

NO é un gas incoloro, non inflamable, inodoro e tóxico.

NO2 é un gas pardo-roxizo, non inflamable, de cheiro asfixiante e tóxico.

Orixínanse en procesos de combustión con altas temperaturas por combinación do osíxeno e o nitróxeno presentes no aire orixinando NO que posteriormente pola acción de oxidantes atmosféricos como o ozono convértese en NO2. Unha fonte moi importante, sobre todo nas cidades, é o tráfico. Existen tamén, fontes naturais como incendios forestais, erupcións volcánicas...

Os óxidos de nitróxeno transfórmanse na atmósfera en ácido nítrico, constituínte da chuvia ácida, e son considerados importantes precursores da contaminación por ozono troposférico como consecuencia das reaccións fotoquímicas entre os NOx e hidrocarburos.

A súa vida media na atmósfera estímase en días.

esquema do NOx

Afectan fundamentalmente ó aparato respiratorio provocando bronquites e pneumonía, así como menor resistencia ás infeccións das vías respiratorias,...

Do mesmo xeito teñen, sobre todo o NO2, efectos sobre a vexetación presentando sinerxías có SO2.

Monóxido de Carbono (CO)

É un gas inflamable, incoloro, insípido, lixeiramente menos denso que o aire e, altamente tóxico.

O CO xérase de xeito natural na producción e degradación da clorofila das plantas así coma nos incendios forestais ó producirse unha combustión incompleta do carbono. Tamén orixínase pola oxidación atmosférica do metano procedente da fermentación anaerobia da materia orgánica.

Entre as orixes antropoxénicas destacan os procesos de combustión de combustibles orgánicos, sendo a combustión incompleta de carburantes nos automóbiles a causa principal dos problemas por contaminación de CO.

Este gas representa unha gran ameaza para a saúde pola súa capacidade de reaccionar coa hemoglobina do sangue en competencia có osíxeno (posúe unhas 240 veces máis afinidade pola hemoglobina que o O2) formando carboxihemoglobina que reduce a capacidade do sangue para o transporte de osíxeno dende os pulmóns ós tecidos, causando cansancio, cefaleas, alteracións da coordinación e, en casos severos, a morte.

Ozono (O3)

O ozono é un gas azul pálido, irritante e picante. É relativamente inestable a temperatura ambiente e tende a descompoñerse, sendo un gran oxidante.

Nas capas superiores da atmósfera (estratosfera), se encontra o ozono estratosférico, que forma unha capa que protexe a superficie da terra de radiacións procedentes do sol.

Cando se orixína na baixa troposfera, ozono troposférico, se considera un contaminante secundario podendo orixinar problemas na saúde, sobre todo en certos sectores máis sensibles, causando irritacións nos ollos, nariz e garganta. Os danos que provoca son extensibles tamén á vexetación e ós materiais.

O ozono troposférico fórmase de xeito totalmente natural durante as treboadas, a través dunha complexa serie de reaccións químicas dos contaminantes primarios ou precursores, óxidos de nitróxeno e compostos orgánicos volátiles (COV), sobre todo hidrocarburos non metánicos, en presencia de osíxeno atmosférico e luz solar.

As concentracións máis elevadas prodúcense en zonas con altas emisións de NOx e hidrocarburos, e durante o verán, cando as condicións atmosféricas son adecuadas (temperatura alta, fluxos de radiación solar altos, ausencia de vento), pero incluso en zonas con baixos índices de contaminación (zonas rurais, xeralmente), os COV de orixe natural interaccionan cós óxidos de nitróxeno e osíxeno para formar ozono, alcanzando valores considerables.

O ozono establece equilibrios nunha serie de reaccións con NO2, NO, O2, etc. que explican que no centro das cidades, onde hai grandes emisións de NOx de automóbiles e fontes industriais, as concentracións de ozono poden ser menores que en áreas rurais.

Partículas en suspensión

O termo "partículas" abarca un amplo espectro de sustancias sólidas ou líquidas, orgánicas ou inorgánicas, cun diámetro inferior de 500 micrómetros (µm), dispersas no aire e procedentes tanto de fontes naturais como artificiais.

O seu tamaño é bastante variable ó igual que a súa composición, do cal vai depender a súa velocidade de deposición, podendo estar suspendidas dende unhas horas a varios anos (tendo en conta tamén factores meteorolóxicos).

A súa orixe é maioritariamente natural (polvo do chan, emisións gaseosas naturais, erupcións volcánicas, sal mariña,...), aínda que existen fontes antropoxénicas pero en moita menor medida (combustión de combustibles fósiles, canteiras, minería, cementeiras,...).

Na decáda dos noventa controlábanse as concentracións das "partículas totais en suspensión", cuia medida abarcaba un amplo espectro de partículas de diferentes tamaños.

Dende finais dos noventa, algunhas Directivas Comunitarias (Directiva 1999/30/CE) introduciron un novo parámetro denominado PM10, que corresponde coa fracción particulada dun tamaño menor de 10 micrómetros (µm) de diámetro, que substitúe ó parámetro anterior (Partículas totais en suspensión).

A explicación disto atópase en que esta fracción particulada, PM10, é a que realmente ten influencia na saúde por ser a fracción respirable e, debido ó seu pequeno tamaño, a súa velocidade de sedimentación é moi baixa, podendo ser transportadas por correntes de aire a grandes distancias dende o seu lugar de emisión.

Numerosos estudios epidemiolóxicos (Dockery y Pope, 1996) demostraron unha clara relación entre os niveis de PM10 e o número de mortes e hospitalizacións diarias debidas a enfermidades pulmonares e cardíacas. As partículas PM10 penetran polas vías aéreas chegando ata os pulmóns, provocando danos no sistema respiratorio, alteracións na coagulación do sangue e no ritmo cardíaco, agravando enfermidades de tipo respiratorio e coronario, provocando hospitalizacións e mortes por asma, bronquite e infartos.

Outros estudios sinalan que os efectos prexudiciais das partículas PM10 concéntranse na fracción máis fina (menor de 2,5 µm), por poder penetrar na rexión do tracto respiratorio responsable do intercambio gasoso (alvéolos).

Hoxe en día, as Directrices Comunitarias xa recomendan a medición de PM2,5 que, ademáis, parece ser a fracción máis intimamente ligada a unha orixe antropoxénica.

Fluoruros

Son gases incoloros, solubles na auga e de cheiro irritante en condicións ordinarias. No aire húmido forman unha néboa composta por gotiñas líquidas dunha disolución acuosa da sustancia. A presencia de fluoruros ten lugar sobre todo en forma gaseosa (HF) e en forma de partículas.

As emisións de fluoruros proveñen de volcáns, emisións mariñas, combustión de carbón, fontes industriais de aluminio, ferro, aceiro, vidro, fertilizantes,...

Compórtanse como veleno acumulativo nas plantas, atacando en forma de queimaduras ás follas nas puntas e os bordes.

No home afectan ó metabolismo do calcio creando problemas de osos e diminúen as defensas contra as enfermidades, sobre todo en nenos.

Benceno

É unha substancia incolora, tóxica e canceríxena.

A súa orixe débese primordialmente á combustión incompleta de hidrocarburos. Atópase no alquitrán da hulla e no petróleo.

Chumbo

Principalmente aparece nas emisións dos automóbiles, aínda que a supresión deste aditivo nas gasolinas motivou unha redución importante deste elemento no aire ambiente.

Ten efectos bioacumulativos e pode producir graves danos na saúde, xa que tanto o chumbo coma os seus compostos impiden a formación de hemoglobina.